Pakolas: música para nenos e nenas

Imos comezar o ano con música!!!

Pakolas, o novo libro disco de Paco Cerdeira, non parou de soar dende que chegou a esta casa. Para bailar, saltar, cantar, aprender… e voltar a bailar. Novo vocabulario en forma de poesía e música que gustará a pequenos e pequenas e tamén aos maiores.

Coñeceredes ao peixe Baldomero, ao xabarín danzarín, ao furafollas, ao arroaz, a quenlla madrugadora, ao pato Mc Pac, ao gato e ao rato de Xaquín… animais, historias, ilustracións e ritmos para toda a familia!

Un problema do sobriño de Paco Cerdeira converteuse no inicio deste proxecto: “detectamos que tardaba en arrancar a falar. Este problema hoxe en día é bastante común entre os nenos e nenas, mais do que nos poda parecer, así que tendo en conta os beneficios da música e a boa ferramenta que supón, decidinme a contactar co Colexio de Logopedas de Galicia buscando a súa colaboración e tamén sobre todo asesoramento profesional”, explica Paco, “a acollida por parte do Colexio de Logopedas foi moi boa e déronme moitas ideas e directrices para facer este novo traballo que vai mais aló da parte musical, grazas á súa axuda e colaboración: música, contos, unidades didácticas e moito material que poderedes atopar neste novo libro disco”.

Rock& Roll pensado para os máis pequenos e pequenas sen esquecer a parte didáctica: “os ritmos das cancións tiñan que ser ben definidos, alegres e atractivos para os peques, e que ademais supuxeran un reto para eles e elas”, apunta o músico, “ese reto persigue que non perdan o interese, xa que hai que ter en conta que hoxe en día coas novas tecnoloxías, dende idades xa moi temperáns os nenos e nenas teñen acceso a moitas cousas, e a música que adoitan escoitar os maiores é unha delas, e como gozan da capacidade de comparar, poden chegar a aburrirse se lles das a tan aburrida e tradicional música infantil de sempre. Eu sempre digo que para min son o mellor público do mundo mundial”.

Paco recórdanos ademais a importancia de escoitar dende ben cativos música de calidade: “eu gocei do privilexio de escoitar moita música sendo ben cativo, meu pai escoitaba na casa cintas de casete de Iron Maiden, Twister Sister, LedZeppelin, Simon e Garfunkel, entre outras moitas, e daquela non había tanta tecnoloxía, debeu ser algún tipo de privilexio que me tocou. Animo dende aquí a tódolos papis e mamis a que o fagan se é que xa non o están a facer nesta era que xa nos toca vivir tan dixital, e sobre todo, que escoiten música de calidade”.

Porque a música é unha ferramenta de aprendizaxe única e dende logo, o formato de libro e disco é o tándem perfecto. As historias e as ilustracións son o complemento ideal. “Os nenos mais que a fonte de inspiración son a miña fonte de ánimo, son o público mais marabilloso que hai no mundo enteiro”, conta Paco Cerdeira, “nas actividades que levo a cabo de animación á lectura sempre lles amoso aos nenos e nenas libros, pero non so os libro discos, senón de libros en xeral e da importancia deles, como fonte de inspiración, e para que se animen a mergullarse neles e descubrir novos mundos. Que tamén o fan coas letras das cancións, por iso é importante coidalas para eles e elas”.

Son dez novas cancións orixinais que rematan cun conto sobre o peixe Baldomero. Un libro disco ilustrado por Laura Romero e editado por Galaxia. Do traballo conxunto co  Colexio Profesional de Logopedas de Galicia xorde esta historia fantástica en formato de conto e música como material complementario pedagóxico. Poderedes atopar ademais na web materiais cos que traballar vencellados a Pakolas.

Que máis podemos pedir? Os máis pequerrechos e pequerrechas bailan coa música, aprenden vocabulario, achéganse a novas historias, novas melodías… e os máis grandes profundizan nos contos, nas palabras, nas mensaxes…

Tod@s a descubrir Pakolas!!!!! Ademais está de xira, así que seguramente o poderedes ver en directo esta temporada. Podedes seguir a súa axenda aquí.

Escribe un comentario