Festival Cinema Crianza en Ames

O tren de Cinema Crianza está a piques de comezar a súa viaxe… Os días 15, 16 e 17 de decembro en Ames non vos podedes perder este festival de cine infantil e familiar!

Para promover o gusto polo cinema e achegar curtametraxes diversas aos máis pequenos e pequenas xorde Cinema Crianza. Buscan formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

Dende a organización deste festival entenden que “hoxe en día resulta imprescindible, no proceso de alfabetización audiovisual das nosas cativas e cativos, poder acceder a obras o máis diversas posibles para que o seu grao de coñecemento desta arte non quede reducido ós produtos de consumo nunha idade tan sensible como é a infancia“.

Con filmes como A casa da luz, unha escolma das curtametraxes de Lotte Reiniger, Dous mundos / Dwa Swiaty, Pequenas criaturiñas, curtas OQO Filmes, Minúsculos: O val das formigas perdidas… Podedes consultar o programa completo e a información de cada proxección aquí.

As curtametraxes están agrupadas en sesións, atendendo á temática dos filmes e á idade recomendada. A categoría Axóuxeres con curtametraxes dunha duración máxima de 10 minutos orientadas a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos e Buxainas con curtametraxes dunha duración máxima de 25 minutos orientadas a nenos e nenas maiores de 3 anos. Haberá ademais longametraxes orientadas a público infantil en calquera das franxas de idade.

 

O tren ten asentos reservados para elefantes de cacharrería, gatos lanudos, cadeliños con dous rabos, arañas peludas, monstruos de sete cabezas, soldadiños de chumbo, bruxas boas, malas e indecisas, paxariños cantores, inventoras tolas, todo tipo de seres estranos, e para ti se tes a ben acompañarnos… Nesta viaxe pasaremos por terras de lume e de xeo, cruzaremos os mares e tamén o ceo, pois o noso tren é quen de atravesar calquer terreo.

Escribe un comentario