A Gramola Gominola: rock and roll para familias!

Enerxía, alegría e moito rock and roll. Así é o novo traballo da banda A Gramola Gominola: Cancións para desafinar. Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (bajo) e Paco Cerdeira (guitarra) presentan un proxecto cargado de ilusión, creatividade e diversión!

A Gramola Gominola estrea novo disco e novo espectáculo no Salón do Libro de Pontevedra este sábado 1 de abril ás 18.30 horas. Un disco cargado de “rock and roll e de moita enerxía positiva e alegría, tanto na parte musical como na parte gráfica, na que neste novo traballo o ilustrador Iago Araujo, soubo plasmar moi ben o que representan para nós cada unha das novas cancións”, explica Paco Cerdeira.

Escoitaremos temas sobre o medio natural, a vida animal, a lingua, os xogos… cada un deles cunha historia detrás: “cada tema ten unha historia e unha motivación distinta”, conta Paco, “o tema de “A Avoa Fina” está inspirado na avoa de Paula, e na forza que teñen as mulleres no rural; “O Raposo Milenario”, nos contos e lendas de raposos tan tradicionais que temos aquí na nosa terra galega; “A Gran Lan” é unha personaxe que nos inventamos tras unha anécdota nun ensaio da banda; e a “Cancións para Desafinar”, que ademais é o tema que lle da título a este novo libro-cd e ao novo espectáculo, é unha invitación para que todos os que desafinamos, pois “saiamos da ducha” non?, e liberemos ese rockeiro que levamos dentro sen ningún tipo de vergoña”, apunta o guitarrista da banda. 

Os nenos e nenas son para eles, máis que inspiración, “a nosa fonte inesgotable de motivación. Xustamente xogando cos máis pequenos foi onde xurdiu o tema O Coro da Man, “que trata”, explica Paco Cerdeira, “sobre os nomes que teñen os dedos. Cada canción vai configurando a súa propia historia e inspiración”.

Falamos con eles no día no que cumpren dous anos como grupo e aseguran continuar coa mesma filosofía coa que comezaron: “somos un grupo de rock para os nenos e nenas de 0 a 99 anos, ou mais… Nacemos con esta premisa e para nós é así, é importante darlle aos nenos o mellor de nós musicalmente falando, polo respecto que lles temos e que se merecen, así que principalmente facemos a nosa música con moito agarimo e coa intención de que lle guste a todo o mundo, sen diferencia de idade”.

Os concertos gramoleiros son divertidos, participativos e sempre didácticos. Cren que a música ten un papel importantísimo no desenvolvemento de pequenos e maiores: “a música é un gran estímulo para a xente en xeral, e para as nenas e nenos en particular. Representa un vehículo da linguaxe, é unha maneira moi divertida de aprender xogando, e ademais é propia para as idades nas que teñen que asimilar tanto esa linguaxe, como coñecementos que nun futuro terán que entender. A música neste caso creo que é unhas das mellores ferramentas, tanto para as actividades didácticas como para buscar estímulos positivos nos nenos e nenas”, apunta Paco.

A Gramola Gominola é un claro exemplo do bo momento que está a vivir a música infantil en galego. Estamos rodeados de creatividade made in Galicia, onde xorden proxectos cargados de ilusión por transmitir tanto a través da música. “Tanto os grupos coma as editoriais fixeron un gran esforzo estes últimos anos”, conta Paco Cerdeira, “a nosa editorial, por exemplo, a editorial Galaxia coa súa colección Sonárbore, fixo unha gran labor, e sen menospreciar ao resto das editoriais que tamén traballan neste eido arreo. Se facemos unha listaxe do que había fai catro ou cinco anos, polo menos do que tiña sona nese momento, e o comparamos co que hai hoxe en día, no momento actual, creo que é bastante evidente o “boom”. Contar que moitos de nós vimos doutras formacións, con mais de dez anos de experiencia neste mundo, e ata o de agora nunca víramos tanto e tan bo” engade.

Fotos vía A Gramola Gominola
Parabéns para A Gramola Gominola! E por moitos anos máis de música en galego!

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.