Unha exposición feita por nenas e nenos

 

Somos do Sexto. Un proxecto museográfico feito por nenos e nenas

Imaxinades unha exposición comisariada por nenas e nenos? Non puiden asistir á inauguración da mostra, pero paréceme un exemplo marabilloso para achegar aos nenos e ás nenas ao mundo da arte e aos museos. Que mellor xeito de aprender que experimentando en primeira persoa?

A beleza oculta é unha mostra con 19 pezas procedentes dos fondos permanentes do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, que cuestionan, dende diversas ópticas, o concepto de beleza.

Esta exposición podedes visitala ata o vindeiro 18 de marzo no Museo de Pontevedra. É o resultado do programa pedagóxico Somos do Sexto posto en marcha por Taller Abierto. Os máis pequenos e pequenas coñeceron as coleccións do Museo de Pontevedra e convertéronse en protagonistas dun comisariado profesional, fomentando deste xeito o seu interese pola arte e polo proceso expositivo. Seleccionaron as obras, documentáronse sobre elas e montaron a exposición. A mostra articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta.

Buscan que todos e todas os que visitemos a mostra nos emocionemos, nos fagamos preguntas e formulemos as nosas respostas. Que cuestionemos todo.

 

Non vos parece marabilloso? Unha iniciativa participativa, didáctica, divertida… penso que a mellor maneira de aprender é sentirse partícipe dun proxecto, responsable, vivíndoo e experimentando en primeira persoa todo o proceso!!!

 

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.