Letras Galegas e o Día dos Museos en Pontevedra

O Día das Letras Galegas e o Día dos Museos no Museo de Pontevedra

letras galegas e museos pontevedra 2013O Museo de Pontevedra súmase á celebración destes dous días tan significativos programando unha serie de actividades abertas a todos os públicos.

17 de maio

12 horas | Camiño de historias. Un espectáculo dirixido ao público infantil co grupo Migallas. Un espectáculo constituído por varias historias de tradición oral procedentes de diversos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares. Cada relato é tratado dun xeito diferente combinando a narración con técnicas de expresión plástica e dramática. As cancións e os ditos tradicionais arroupan todo o espectáculo co fin de difundir a literatura popular infantil de Galicia.

18 de maio

Un paseo pola arte galega desde o século XIV a Castelao | 12 e 17.30 horas

Visita teatralizada co grupo Migallas, na que os participantes, acompañados por varios personaxes, realizan un percorrido polas distintas salas do Sexto Edificio para coñecer as obras galegas que nelas se exhiben. Con carácter gratuíto, está dirixida a todos os públicos. Precisa inscrición previa na secretaría do Museo (teléfono 986 804 100).

Obradoiro infantil de expresión artística | 13 e 18.30 horas

Actividade complementaria da visita teatralizada, na que os rapaces de entre 4 e 12 anos participantes crearán un cadro inspirado nas obras que viron e nas historias que escoitaron.

O Segredo dos Dinís | 21.30 horas

Visita dinamizada ás instalacións onde os visitantes farán un percorrido polos edificios do Museo e as súas coleccións, cuxo fío condutor será a familia Dinís. Conxugando a realidade histórica desta liñaxe, pero adaptándoa ás necesidades da narración, o resultado é unha visita na que os asistentes deberán participar de forma activa e non como meros espectadores para descubrir un secreto.

O xogo dos seis | 21.30 horas

Trátase dun xogo de mesa, pero realizado en formato xigante, coa intención de que os propios nenos (de 9 a 14 anos) sexan as fichas do taboleiro. As diferentes preguntas e probas que terán que superar xiran en torno aos seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e as coleccións que estes albergan. Con el preténdese incidir, dunha forma dinámica e divertida, na idea de que memoria + creatividade axudan ao progreso social, xogando un papel moi importante a función dos museos.

 

MUSEO DE PONTEVEDRA Cómo llegar

Estas actividades son tamén gratuítas, pero é necesaria a inscrición previa no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 804 100 na extensión 42413.

 

 

 

Escribe un comentario