O Sinsal Son Estrella Galicia celebrase esta fin de semana na illa de San Simón, na Ría de Vigo. O programa desta edición dedica un dos 3 días, o domingo 26 de xullo, ao público familiar. Á oferta dos 5 concertos que terán lugar ese día, súmanse as seguintes actividades para gozar con nenas e nenos da experiencia #SinsalSonEG 13:
- Superplayback. É un obradoiro realizado por Esferobite, os videocreadores Juan Lesta e Belén Montero. Unha actividade de creación de videos musicais con Chroma Key incluído. Vós escolledes a canción e convertédesvos en protagonistas dun vídeo breve que requerirá playback. Aquí o divertido é a confluencia de pequenos e maiores en pantalla. Cada familia escolle un tema que lle gustaría cantar e pasan á zona de vestuario, onde seleccionarán os complementos e disfraces que prefiren utilizar para o seu “show”. Posteriormente faise a gravación e poderán levarse de recordo o vídeo. O obxectivo é introducir ao público infantil no mundo da produción musical audiovisual. Descubrir técnicas e trucos que ven en televisión, experimentalos e, sobre todo, pasalo ben.
- Os interesados poden poñerse en contacto coa organización do festival (info@sinsalaudio.org) e solicitar hora de gravación. O festival desenvólvese entre as 13 e as 20 horas. Tamén se pode solicitar hora o mesmo día na oficina do festival.
- Ludoteca Itinerante ‘Eira Xandobeleira‘. Componse dunha colección de xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos. A idea da ludoteca itinerante é crear un espazo de ocio alternativo, onde poder gozar do xogo en familia á vez que desenvolvemos as nosas habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa. A ludoteca Eira Xandobeleira estará instalada e aberta ao público durante a tarde do domingo 26.
- Obradoiro de picadiscos Escola Sinsal. A Escola Sinsal é o proxecto pedagóxico de Sinsalaudio que leva funcionando desde o ano 2006 e consiste nun conxunto de obradoiros arredor da historia da música enlatada. O obxectivo é difundir o rexistro sonoro, físico ou dixital, e coñecer outras posibilidades de traballar coa música máis alá de tocar un instrumento. No obradoiro varios profesores explicarán como traballa un picadiscos. Que ferramentas analóxicas (discos e casetes) e dixitais (cds, mp3, etc) utiliza e cales son os novos “xoguetes» con tecnoloxía DIY como caixas de ritmos, sintetizadores de peto, samplers, etc.
- Aquelas persoas interesadas poden poñeerse en contacto coa organización do festival (info@sinsalaudio.org) ou solicitar a inscrición o propio domingo 26 na oficina do festival.
- Escola de kayak. Haberá paseos en kayak pola Illa de San Simón. Aquelas persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización do festival (info@sinsalaudio.org) ou solicitar a inscrición o propio domingo 26 na oficina do festival.
- Os menores de 17 anos pagan entrada reducida: 7€ ata o 17 de xullo e 9€ a partir desa data.
- Toda a información e a compra de entradas está na web do festival: festival.sins.al