Festival de Cans 2017

Cine, música, obradoiros… e unha aldea no concello do Porriño para celebrar unha edición máis o Festival de Cans. Polos seus comezos, o seu programa, os espazos, o ambiente… Cans é un festival especial!

Coincidindo co festival Cannes de Francia e máis como unha broma e un xogo fonético naceu hai catorce anos esta festa que toma por completo a aldea. O Torreiro convértese no centro da festa, a estrada central é durante uns días o Cans Voulevar, o Parque do Río pasa a ser o Espazo Minicans adicado ás nenas e ós nenos…

Este é o programa do Minicans, pero podedes ver a programación completa do festival na web www.festivaldecans.gal.

PROXECCIÓN DE LINKO

Nun futuro próximo, despois dunha guerra global que destruíu a civilización, bandas de piratas atacan ás escasas persoas que sobreviviron. Kurt e o seu fillo de nove anos, Ícaro, tratan de vivir a salvo nas instalacións dun aeroporto abandonado nunha fermosa illa. Só a comerciante aérea Rocka coñece o seu paradero e os abasteca nas súas viaxes periódicas pero, un día, un estraño accede ao lugar: é Linko, un mozo salvaxe e impulsivo, membro da banda do pirata Travis e está buscando algo que Kurt agocha.

  • 27 de maio | 11 horas | Baixo de Carlos | Entrada: 3€ (maiores de 12 anos)

CANTAROLAS PARA XENTE MIÚDA

Cantarolas para xente miúda é un disco infantil de composicións de Suso Vaamonde sobre poemas de Xosé Neira Vilas interpretadas por membros do grupo A Roda.

  • 27 de maio | 13.30 horas | Parque do Río

CAIXIÑA DE MISTOS

Obradoiro de curtametraxes de animación pensadas para os máis pequenos nun espazo singular. Unha vella caravana dos anos setenta, na que só poderán entrar en pequenos grupos para descubrir un lugar diferente para ver o cinema, e que para moitas nenas e nenos supoñerá a súa primeira experiencia de cine. Ás 20h00 proxectaranse as pezas xurdidas do obradoiro.

  • 27 de maio | 16 horas | Parque do río

O TRÍO DO ACIVRO

O Trío do Acivro son Luis Soto profesor de Frauta na Real Filharmonía de Galicia e no Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), e os seus dous fillos, Lucas (violín) e Cecilia (violoncello), de 11 e 6 anos. Unha actuación didáctica e informal, con música clásica, de bandas sonoras e moi participativa.

  • 27 de maio | 16.30 horas | Cuberto de Pato | Entrada: 3€ *Concerto benéfico

POLO CORREO DO VENTO

Polo Correo do Vento traerá ata Cans unha divertidísima actividade para traballar o proceso de construción dun filme a partir do debuxo.

  • 27 de maio | 18.30 horas | Cuberto de Pato | Entrada: 3€

 

¿Cómo chegar?

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.