Música e teatro en Ourense

Este mes de abril a música e o teatro volven de novo a encher durante as fins de semana o Auditorio Municipal de Ourense. Este é o programa para abril:

 

O COMENOITES de OS NÁUFRAGOS

O Comenoites é un conto infantil, escrito e ilustrado por Ana Juan (Premio Nacional de Ilustración). Unha bonita historia coa que as nenas e nenos descubrirán o segredo de por que existen o día e a noite. O Comenoites é un trasno regordiño encantado de comer a noite para que o sol poida saír outra vez e traerlles luz, calor e color a todos. Un día, a lúa coméntalle que está demasiado gordo e o Comenoites deixa de comer. Cal é o problema? Pois que se o Comenoites non come a noite, o frío e a escuridade reinarán para sempre na terra e o sol non volverá a saír nunca. Volverá o Comenoites a comer algún día e entón volverá o sol?

  • Dirixido a: nenos maiores de 2 anos
  • 2 de abril | 12 horas
  • Entradas: 3-4€

 

FÍOS DO QUERER con CÉ ORQUESTRA PANTASMA

Os meniños e meniñas, gozarán de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, facer palmiñas, xirar, brincar… O espectáculo está dividido en dúas partes: unha primeira de música para xogar, cantar e bailar e unha segunda de exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros naturais logrando,  entre miúdos e grandes, armar unha pequena orquestra.

  • Dirixido a: nenos de ata 5 anos
  • 7 de abril | 18 e 19 horas
  • Entradas: 3-4€ (gratuito para bebés)

 

A BANDA DAS APERTAS con MAGÍN BLANCO

A banda das apertas, composta por Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal e Jerry Noia teñen un longo percorrido acompañando a A nena e o grilo nas súas propostas escénicas, e chegou o momento de voar sós; nesta nova produción as músicas do creador Magín Blanco convivirán con outras coñecidas cancións que o público familiar recoñece e valora da historia da música contemporánea, e que permitirán gozar en familia dun concerto, no que o público é parte do elenco: coreando, acompañando e sobre todo desfrutando con esta banda das Apertas.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 9 de abril | 12 horas
  • Entradas: 3-4€

 

EMOTICORES de LAS TRICOTOUSES

Espectáculo de danza onde as emocións toman forma a través das cores e o movemento que, conxugado co son e as proxeccións audiovisuais, ten como obxectivo  axudar os pequenos e pequenas e o seu contorno familiar a identificar as emocións. É a nova proposta de danza de Cristina Montero & Rut Balbís. Ao igual que os adultos, os máis novos precisan espazos onde recoñecerse e expresarse afectiva e emocionalmente. É importante que a escola proporcione estes lugares de contacto e de expresión e así, camiñar cara a un modelo educativo máis integrador, humano e creativo.

  • Dirixido a: nenos e nenas maiores de 6 anos
  • 16 de abril | 12 horas
  • Entradas: 3-4€

 

DON QUIXOTE, UNHA COMEDIA GASTRONÓMICA de LIMIAR TEATRO

DON QUIXOTE é un espectáculo que combina grandes doses de humor e tolemia para dar lugar a esta gastronómica versión da obra de Cervantes. O señor Alonso Quijano, cociñeiro, fascinado pola obra de Cervantes “Quixotízase” mentres cociña unha saborosa potaxe de vixilia, primeira comida que na venda lle ofreceron ao ilustre cabaleiro.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 30 de abril | 12 horas
  • Entradas: 3-4€

 

¡Compártelo!
Artículo anteriorTeatro del Andamio
Artículo siguienteTeatro e danza en Vigo

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.