Gretel e Bela de Teatro da Semente

Gretel e Bela non precisan de príncipes nin de palacios. Son as protagonistas do novo espectáculo da compañía Teatro da Semente. Este domingo 24 de abril estréase en Ourense esta nova produción teatral protagonizada polas actrices Raquel Queizás e Chus Álvarez. Contos, cantos, monicreques e máscaras nun espectáculo baseado no texto orixinal de Manuel Lourenzo, e pensado para nenas e nenos maiores de 5 anos.  Trátase dunha versión innovadora e contemporánea dos contos tradicionais de Hansel e Gretel e A Bela Adormecida.

Gretel e Bela atópanse nun bosque e comezan, xuntas, unha viaxe cara ao crecemento persoal sen necesidade de príncipes nin palacios. Tras explorar e experimentar no tránsito do bosque á cidade -da nenez á madurez- as dúas amigas pasarán por un trance que cambiará as súas vidas, poñendo en alza o valor da valentía e da amizade ata chegar á autonomía, a liberdade e o amor por elas mesmas.

Nel únense o teatro de actor coa manipulación de monicreques, o traballo de máscara, o canto e máis a música, desde a perspectiva da igualdade de xénero.

Gretel é o rural. Bela, a cidade.
Xuntas andarán por un mesmo camiño.
Coñecéndose, recoñecéndose a unha na outra.
Descubrindo o mundo e descubríndose.
Crendo en si mesmas.
Crecendo cara a madurez e a liberdade.
Contando e cantando.
Vivindo.

Conversamos con Chus Álvarez e Raquel Queizás:

  • Que poderemos ver nesta nova obra?
  • Chus: Dúas nenas que crecen xuntas, que aprenden a valorarse e a valorar a amizade, que xogan e cantan e rin, que crecen e maduran. Veremos teatro de actor, traballo de máscara e manipulación de monicreques. Luces e cancións, moita música e efectos sonoros. Teatro con moito ritmo para os nen@s e un trasfondo argumental importante para os adultos.
  • Quen son Gretel e Bela?
  • Chus: Pois son dúas personaxes de conto, Gretel (a nena abandonada do clásico Hansel e Gretel) e Bela (do conto A Bela durminte) que se atopan nunha fraga e deciden refacer as súas vidas por si mesmas . Xogando e cantando fanse moi amigas e chegan á cidade, como símbolo da vida adulta, onde buscan valerse por si mesmas e ser felices. Pero alguén as engana polo camiño e… e non conto máis porque prefiro que vaiades ver a obra!
  • Que valores espertará esta obra nos nenos?
  • Chus: O valor da amizade, da autonomía persoal, da confianza nun mesmo. Queremos amosar nenas (mulleres) activas que non esperan que ninguén lles solucione a vida, que con valentía e un sorriso na cara saen adiante por si mesmas. Tamén o valor da igualdade, a fuxida dos estereotipos femeninos.
  • Por qué é importante o teatro para os nenos?
  • Chus: Porque aprenden a coñecerse, a recoñecerse. Son outros en mundos imaxinarios e á vez identifícanse coas personaxes e as situacións. Penso que tanto Raquel coma min entendemos o teatro coma un xogo, un espazo de liberdade expresiva onde contar anacos de vida real dun xeito lúdico e atractivo.
  • Raquel: Nesta montaxe Teatro da Semente xoga cos contos para crear outros novos, onde as protagonistas medran xuntas enfrontándose aos seus medos.

gretelebela1

gretelebela2

  • Dirixido a: nenos e nenas maiores de 5 anos
  • Duración: 45 minutos
  • 24 de abril | 12 horas 
  • Entrada: 3€
  • Auditorio Municipal de Ourense Como chegar

 

Escribe un comentario