Entroido na provincia de Ourense 2017

Facemos un breve percorrido polos Entroidos máis ancentrais e populares da provincia de Ourense. Sen dúbida o Entroido vívese dun xeito especial nesta zona:

LAZA
Do 23 ao 28 de febreiro. O sábado é día grande para os máis pequenos: a Fariñada dos Nen@s. Algúns corren polas rúas cos chocos e coa zamarra, afinando o son das choquiñas. Veredes os peliqueiros polas rúas e o Luns de Entroido ou Día da Borralleira pola mañá, ten lugar a Farrapada (batalla de trapos untados con barro) e a Xitanada (procesión de parellas montadas en burros) e, pola tarde, baixa desde Cimadevila a Morena, un home cuberto cunha manta e cunha cabeza de vaca que se dedica a levantar as saias das mulleres, axudado pola súa comitiva que lanza sobre a multitude na praza da Picota unha chuvia de formigas vivas, en ocasións mesturadas con vinagre e fariña… Aquí podedes ver o programa: laza.info.
VERÍN
Do 16 ao 28 de febreiro. O Entroido de Verín é outra das festas únicas e ancestrais destas datas na provincia de Ourense. Os cigarróns son os protagonistas en Verín e o día destacado é o Domingo Corredoiro.  O Luns de Entroido é a batalla de fariña, antigamente un xeito que tiñan os mozos de achegarse ás mozas e chamar a súa atención. O Martes, o gran desfile de carrozas, comparsas, máscaras e cigarrónse polo centro da vila. Podedes consultar máis información na web www.carnavaldeverin.com.

 

XINZO DE LIMIA
Do 24 de febreiro a 5 de marzo. É o Entroido máis longo de España e Festa de Interese Turístico Nacional. O 4 de febreiro foi o Petardazo e en Xinzo celebran o Entroido durante todo o mes. Destacan as pantallaspersonaxes ancestrais percorren a vila golpeando dúas vexigas de animais, secas e inchadas como globos, impoñendo a súa lei. O día destacado é o Martes de Entroido, cando ten lugar o desfile de carrozas e comparsas. O venres haberá animación e desfile infantil; o Luns de Entroido ás 17h poderedes gozar do concerto de Mamá Cabra; e o domingo de Piñata, o 5 de marzo, haberá xogos populares. Podedes ver o programa completo AQUÍ.
VIANA DO BOLO

Do 16 de febreiro ao 1 de marzo. O domingo de Entroido celébrase a Festa da Androlla. O luns de Entroido é o Día dos Nenos e celébrase con fulión infantil, xogos tradicionais, música e chocolatada. A personaxe típica deste Entroido é o boteiro que, coa súa máscara de madeira de cor negra rematada por unha pantalla con armazón de arame recuberta de tiras de papel de seda de cores e os seus saltos, garda reminiscencias de culturas exóticas. O boteiro é o encargado de abrir paso aos folións e manter a orde da comparsa. Podedes seguir toda a información no Facebook: AQUÍ.

En toda a provincia de Ourense o Entroido mantén unha longa tradición popular. Aquí (neste PDF) podedes ver o programa completo dos diferentes entroidos da provincia.

Foto: As pantallas de Xinzo. Miguel Villar (La Voz de Galicia)

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.