Verán 2013 na Rede Museística de Lugo

 

Verán 2013 na Rede Museística de Lugo

obradoiros de veran lugoA Rede Museística de Lugo oferta unha amplia variedade de actividades e talleres para os máis pequenos durante as vacacións de verán. ExpresARTE na Rede Museística é o programa co que tentarán amosar que os museos son verdadeiros espazos de comunicación, para experimentar e coñecer as capacidades expresivas dos nenos e lugares para aprender.

Campamento de Arqueoloxía

A historia constitúe un percorrido polo tempo. Cada etapa e cada fenómeno nace do anterior e sirve de paso a outra nova etapa que, ademais, amosa obxectos, construcións, formas culturais e materias propias do momento. Esta bagaxe cultural pode ser gardada en “caixóns” que se amorean uns enriba dos anteriores para conformar a historia. No MPLugo destaparemos o “caixón” da época romana.
Dirixido a: nenos de 8 a 12 anos
Do 1 ao 4 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Pintando o mar

Neste obradoiro os nenos aproximaránse a unha selección de obras das coleccións de pintura, debuxo e gravado do museo. Observarán con atención cada unha delas. Buscaremos formas escondidas, xeometrías e simetrías e, facendo uso de diversos recursos plásticos, crearemos novas paisaxes de mar.
Dirixido a: nenos de 6 a 12 anos
Do 1 ao 5 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Iniciación ao gravado ao linóleo

Coñecerán as principais técnicas de gravado a través da teoría e a práctica, usarán ferramentas como burís e pranchas, tinguirán e estamparán. Cada participante levará a obra realizada por el.
Dirixido a: nenos de 9 a 12 anos
Do 10 ao 12 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Abanos

Coñeceremos a orixe, usos e segredos da comunicación con abanos. Debuxarémolos e pintarémolos.
Dirixido a: nenos de 7 a 10 anos
Do 10 ao 11 de xullo de 2013 | de 11 a 13.30 horas

Ourivería, vestimenta e útiles de época castrexa

Cada época do noso pasado tivo a súa moda. Coñeceremos o legado dos modelos da época castrexa, realizaremos algúns dos vestidos e xoias identitarias daquel período histórico para poder sentirnos, ao poñelos, coma un castrexo ou unha castrexa dous mil e pico de anos despois.
Dirixido a: nenos de 6 a 12 anos
Do 16 ao 18 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Volumes, figuras e formas

Achegámonos e investigamos sobre esta forma de expresión artística para coñecer os materiais, ás épocas e os temas representados en tres dimensións.
Dirixido a: nenos de 8 a 12 anos
Do 17 e 18 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Pola ruta da seda dacabalo dunha ovella

Rapando unha ovella, alimentando vermes de seda con follas de moreira ou cardando lá coñeceremos como se elaboraban os tecidos usados polo home a través da historia. O obxectivo consiste en explicar aos nenos como se conseguían as materias primas necesarias para elaborar tecidos con seda, lá ou liño.
Dirixido a: nenos de 6 a 8 anos
8 e 9 de xullo | de 11 a 13.30 horas

Monicreques no Museo Provincial

Propoñémosche descubrir o Museo coas historias, contos, lendas … que saben contar uns monifates con paus, teas e fíos. Monecos que rin e xogan, que cantan e bailan, e que saben o que ti sabes porque vas ser ti, titiriteiro, quen os cree e manipule.
Dirixido a: nenos de 4 a 6 anos
12, 13 e 14 de agosto | de 11 a 13.30 horas

Inscrición: para participar nos obradoiros é necesario inscribirse previamente e entregar o FORMULARIO no Museo.

Para máis información e inscricións podedes chamar aos teléfonos 982 242 112 ou 982 242 300 ou escribir ao mail xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org ou didactica@museolugo.org.

Museo Provincial de Lugo Como chegar

Consulta tamén os obradoiros no MUSEO EONOGRÁFICO SAN PAIO DE NARLA

Consulta tamén os obradoiros no MUSEO PAZO DE TOR

Consulta tamén os obradoiros no MUSEO PROVINCIAL DO MAR

 

Escribe un comentario