Mércores Miúdos en Lugo

Volven os Mércores Miúdos a Lugo este verán! Os Xardíns da Deputación volven a acoller música e teatro nunha nova edición do programa Cultura Aberta.

A Gramola Gominola Unha historia de rock para nenos de 0 a 99 anos

Unha nova formación composta por Paco Cerdeira, Anxelo de Xermar, Paula Romero e Rodrigo Muñoz. Presentan un proxecto musical diferente, tendo como eixo central o Rock and Roll, e explorando todos os estilos da música actual: reggae, baladas heavys, pop, funk, country, blues, ska… Nel fan un repaso pola historia da música moderna, a través do cal os nenos poderán coñecer cal foi a súa evolución, tratando nas súas letras valores tan esenciais como a amizade, a familia, a importancia de facer deporte e levar unha alimentación saudable, os xogos, a natureza…

  • 1 de xullo | 18.30 horas

 

Uxía Lambona e a Banda Molona

Esta banda de música infantil recolle os clásicos populares galegos dándolle o seu toque particular, dende A Carolina «rapeada» ata O Jato «rockeiro», pasando por outros moitos temas tradicionais, todos eles moi dinámicos, que fan que todo o público presente sexa partícipe dun «des-concerto» cheo de bailes, xogos, coreografías e algunha que outra sorpresa!

  • 8 de xullo | 18.30 horas

 

Os Bolechas

Os Bolechas visitan Lugo! Estarán na Praza de San Marcos dende as 12 da mañá ata as 8 do serán. Acudirán co seu autobús de dous pisos cheo de actividades: obradoiros, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos, animación… e ata cine. E ademais unha carpa para debuxar, un 4 latas tuneado e moitas sorpresas máis… E para quen queira facerse unha foto con eles, pasearán polas inme – diacións da Praza de 17:30 a 18:30 e de 19:00 a 20:00 horas.

  • 15 de xullo | 18.30 horas

 

Xoán Curiel Estamos no verán!!!

Un espectáculo absolutamente participativo onde se mesturan a música (cunha gran variedade de estilos como o funk, o rock, o pop, o reggae ou a bossa nova) e a danza con elementos teatrais ou de clown. Dous cantantes e unha bailarina atópanse no escenario para brindar ao espectador un enérxico e máxico show cheo de música, historias, danza e coreografías que mergullan aos rapaces e rapazas nunha divertida festa e nun soño de verán…

  • 29 de xullo | 18.30 horas

 

Mundo Mandarina Laboratorio Máxico

Laura Mandarina é unha das mellores magas cómicas do momento. Neste espectáculo no que se mesturan a maxia, o clown e os monicreques, Mandarina fará que grandes e pequenos se sorprendan e rían con xogos de maxia cómica. Como guinda, Mandarina preséntanos ao paxaro Rigoberto, amigo inseparable da protagonista e secundario de luxo, un deses roubaplanos que nos entenrece malia ser un chisco atravesado. Mandarina é unha personaxe moi potente que une a ironía e a intelixencia do mago co despiste, a inocencia e o amor polo público do pallaso nun cóctel realmente explosivo. Improvisación, humor e maxia sorprendente farán que a risa xurda como unha necesidade en grandes e miúdos.

  • 5 de agosto | 18.30 horas

 

 

XARDÍNS DA DEPUTACIÓN en Lugo Como chegar

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.