Verán no Museo do Mar de Galicia

O Museo do Mar de Galicia en Vigo programa un verán cheo de actividades con contacontos, talleres e visitas guiadas para disfrutar en familia.

Coñecendo a cultura tradicional mariñeira

Os participantes nesta actividade coñecerán de primeira man os asombrosos saberes, técnicas e medios de vida que foron acumulando xeracións de mulleres e homes que viviron e morreron con, en e para o mar en Galicia. A actividade inclúe unha visita guiada temática, onde os participantes se transformarán en auténticos mariñeiros tradicionais.   *A partir de 8 anos

A Conquista do Mundo Submarino

Nesta actividade poderán coñecer de preto e incluso experimentar nas súas propias carnes os segredos e descubrimentos da historia da conquista dun vello sono humano: ser coma os peixes e poder desvelar os misterios dos fondos mariños…..e volver a superficie para contalo, claro. Quen se atreve a mergullarse?   *A partir de 8 anos

Os segredos arqueolóxicos do Museo do Mar   

Tomando como punto de partida o xacemento castrexo do Museo, esta actividade ofrece a posibilidade de facer unha viaxe no tempo, retrocedendo miles de anos, para descubrir as relacións dos antigos galegos co mar. E para facer esta viaxe os participantes converteranse en arqueólogos e realizarán unha escavación arqueolóxica fielmente simulada, para despois traballar os resultados nun laboratorio científico, e, por último, empregando réplicas exactas, transformaranse na mesma xente que descubriu a través da escavación, usando as súas mesmas armas e ferramentas. *A partir de 8 anos

A casa dos vellos mariñeiros

Nesta actividade os participantes transformarase en pequenos mariñeiros e entrarán no particular mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia; vivirán unha experiencia que lles permitirá coñecer e practicar algunhas das actividades que realizaban os vellos mariñeiros galegos e, ademais, visitarán o acuario onde descubrirán algúns dos segredos que gardan os peixes e outros seres mariños.    *Nenos de 3 a 7 anos


  • De martes a xoves | 11.30 horas
  • Dirixido a: todos os públicos e nenos sempre acompañados dunha persoa adulta
  • Duración: 90 minutos
  • * As actividades anteriores iránse alternando semanalmente.
  • Todas as actividades requiren reserva previa no teléfono 986 247 750 o a través do mail info.museodomar@xunta.es.

 



 

Un paseo polo Museo do Mar de Galicia

Para coñecer un pouquiño máis o museo e os seus contidos podedes realizar este paseo polo seu interior, onde escoitaredes unha pequena explicación sobre ás súas exposicións permanentes e pezas principais, incluído o acuario.   *A partir de 8 anos

  • De martes a xoves | 18 horas

 


Alimentación dos peixes do acuario

Poderedes ver como un dos acuaristas se mergulla para dar de comer aos habitantes do acuario, actividade que irá acompañada por unha breve explicación onde se falará sobre como é a súa alimentación (falarase do que comen, como e por que), como é traballo diario dun acuarista e os coidados que un acuario destas características require, sen esquecernos de presentar aos seus protagonistas principais os peixes!

  • Dirixido a: todos os públicos
  • Todos os venres | 11.30 horas
  • Duración: 45 minutos

 


* O prezo das actividades é o prezo de entrada ao museo: 3€ – 1,5€ estudantes, xubilados e parados – gratis para menores de 8 anos.

Museo do Mar de Galicia en Vigo Como chegar

*Todas as actividades requiren reserva previa no teléfono 986 247 750 o a través do mail info.museodomar@xunta.es.

 


 

 Actividades no Centro Arqueolóxico do Areal Salinae

Os Sabores de Roma | do 16 de xullo ao 29 de agosto

É unha viaxe no tempo usando a arqueoloxía como medio para descubrir e recrear diferentes aspectos da alimentación en época romana. A través de tres módulos interactivos e participativos, repletos de réplicas e obxectos orixinais, así como de experiencias moi especiais, daremos resposta a unhas cantas cuestións relacionadas coa cociña e os alimentos en época romana.     *A partir de 8 anos

Descubrindo Salinae | do 27 de xuño ao 15 de setembro

Unha visita guiada especial a esta salina perfectamente conservada, onde poderedes coñecer dun xeito ameno e didáctico o funcionamento dunha instalación salineira e como os romanos producían o sal na superficie das cubetas. A visita ofrece, ademais, a posibilidade de descubrir o interesante mundo do sal, algúns dos sistemas empregados para a súa obtención e os diferentes usos que os romanos lle deron a este importante produto.   *A partir de 8 anos

  •  Dirixida a: todos os públicos. Os menores deben ser de entre 3 e 7 anos e sempre teñen que estar acompañados mínimo dunha persoa adulta
  • De martes a venres | 11.30 horas
  • Duración: 90 minutos
  • Centro Arqueolóxico do Areal Salinae en Vigo Como chegar

 

 

 

 

Escribe un comentario