Verán na rúa en Santiago

As prazas de San Martiño Pinario e da Quintana en Santiago énchense este mes de agosto de música, teatro e circo para todos os públicos.

Forzudos de CIRCO CHOSCO

O humor e o absurdo son os fíos cos que se tece a trama dun espectáculo de dous atletas, dous cómplices que se compenetran realizando trucos imposibles. Sempre en formato de clown, agochados baixo a aparencia de superacróbatas, de grandes magos ou de malabaristas matematicamente perfectos, a compañía Circo Chosco afonda na creatividade conxunta cun claro obxectivo: facer rir ao público, sen esquecer a espectacularidade como ferramenta imprescindible.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 4 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

LeTriska Inmobile de ISLA LETRISKA

A compañía galega Isla LeTriska presenta un delirante espectáculo que combina variadas disciplinas de novo circo (malabares, pallaso, equilibrios…) con excentricidades e xogos co público. Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou incluso converter a un neno nun grande artista de circo.

  • Dirixido a: maiores de 6 anos
  • 5 de agosto | 19.30 horas
  • Praza de San Martiño Pinario

 

Ao ritmo da maxia de FUSIONARTE

Ao ritmo da maxia é un espectáculo de orixinal e dinámico formato concibido para entreter e divertir cunha variada mostra de diferentes ámbitos da maxia. Un ilusionista atópase con tres músicos. Os músicos piden ao mago que faga unhas cantas ilusións ao son da súa música e, tamén, que utilice a súa maxia para aplicar melloras na música.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 6 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

Fair Play de PISTACATRO PRODUTORA DE SOÑOS

En clave de cine mudo e circo, Fair Play é unha comedia que evoca os tolos anos 20. Dous elegantes gentleman disputarán na praza da Quintana un partido de tenis en varios sets… ou cando menos intentarano. Deportividade si, xogo limpo tamén, cabaleirosidade por suposto… pero que gañe o mellor!!

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 11 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

Rinse & Spin de FRAN MARTÓ

Unha muller colga a súa bogada na praza dunha vila e coa súa lavadora portátil crea confusión na tranquila vida dos habitantes. Rinse & Spin é un innovador espectáculo de rúa onde a manipulación de obxectos, malabares e clown constitúen as bases para a comunicación narrativa.

  • Dirixido a: todos los públicos
  • 12 de agosto | 19.30 horas
  • Praza de San Martiño Pinario

 

Up2 DowN con trasPediante

Up2DowN mestura danza e circo contemporáneo con notas de humor e clown. A compañía galega trasPediante presenta na praza da Quintana un espectáculo que nos traslada ao singular universo de dúas personaxes femininas e a súa relación arredor dun cable de funambulismo.

  • Dirixido a: mayores de 4 años
  • 13 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

Un tonto no aire de DESASTRONAUTS

Un tonto no aire… Teñan coidado! Chegará voando e pode converterse nun auténtico pesadelo. Girisho Gordon é un artista de circo británico que viaxa cos seus espectáculos aéreos por toda Europa. Unha peza de circo para toda a familia con moito humor, habilidade e enerxía.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 18 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

Laboratorio Máxico de CÍA MUNDOMANDARINA

No seu Laboratorio máxico, Mandarina mestura a maxia, o clown e os monicreques e, como guinda, preséntanos o paxaro Rigoberto, amigo inseparable da protagonista e secundario de luxo, un deses “roubaplanos” que nos entenrece malia ser un chisco atravesado. Mandarina une a ironía e a intelixencia do mago co despiste, a inocencia e o amor polo público do pallaso nun cóctel realmente explosivo.

  • Dirixido a: todos los públicos
  • 19 de agosto | 19.30 horas
  • Praza de San Martiño Pinario

 

Ekilibuá de MAINTOMANO

Dúas personaxes el e o seu pequeno rabaño rodante… A xogar!!! Xogos de construción de plataformas diferentes, a ver quen sube máis alto… Sempre mirando a ver quén leva as rendas pero, sobre todo, sempre xogando man con man. En Ekilibuá obxectos de madeira e seres humanos alíanse en diferentes formacións xeométricas para conseguir audaces equilibrios por medio de correntes dinámicas de complicidade e humor.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 20 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

As mil e unha noites de GHAZAFELLOS

Baixo o arrecendo a incenso, uns contadores de historias da afastada Persia comparten co público as aventuras de Sherezade e as súas mil e unha noites: alfombras voadoras, xenios poderosos, ladróns, aventureiros… Todo mesturado con música e recreacións dos momentos máis máxicos dos relatos árabes máis coñecidos: Aladino e a lámpada marabillosa, Alibabá e os corenta ladróns, encantadores de serpes…

  • Dirixido a: maiores de 5 anos
  • 25 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

 

As macetas máxicas chinesas do MAGO ROMARÍS

Damas e Cabaleiros! benvidos ao fantástico mundo da maxia. Tras superar un rigoroso casting, un rapaz do público converterase en mago e logrará os máis elevados prodixios en só 3 minutos. E como fin de espectáculo, o Mago Romarís contaranos a auténtica historia das macetas máxicas chinesas que lle regalou un amigo cando…

  • Dirixido a: todos los públicos
  • 26 de agosto | 19.30 horas
  • Praza de San Martiño Pinario

 

Bambalas de BAMB-ALAS

A compañía Bambolea, en coprodución con Alas Circo, preséntanos ás irmás Bambalas, cada unha máis presumida ca outra. O espectáculo principia no momento en que as dúas irmás se espreguizan nunha hamaca a catro metros de altura. O día sorprendeunas durmindo e, ao espertar, descobren a presenza do público e afanaranse en demostrar as súas habilidades. Mais nesa obsesión por agradar á audiencia acabarán por errar unha e outra vez. As irmás aínda non o saben, pero con cada fallo demostrarán unha nova habilidade incomparable dende o seu impresionante bambán en forma de trapecio.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 27 de agosto | 19.30 horas
  • Praza da Quintana

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.