O Fiotiño en Carballo 2016

Este mes de outubro en Carballo celébrase o Festival Internacional Outono de Teatro. Cumpren 25 anos levantando o telón e nesta edición pensaron de novo nos máis cativos. Para eles está pensada a programación do Fiotiño. Estas son as actividades:

 

Trío Refugallo: Ritmo refugallo 

A animación musical e teatral toma a rúa co Trío Refugallo, unha nova proposta dos compoñentes de Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. A mestura será un divertimento no que o clown se mestura coa música feita a partir de materiais de refugallo. O público terá que estar moi atento ás melodías por se teñen que formar parte desta cómica orquestra.

  • 30 de setembro | 19 horas
  • Xardín Municipal de Carballo
  • Entrada libre

 

Farrés Brothers: Tripula

Dous científicos iluminados preséntanlles a un grupo de intrépidos pasaxeiros unha revolucionaria maneira de viaxar. O novo medio de transporte, o sorprendente globo estático, viaxa polo espazo rozando os límites da realidade cara a lugares que ninguén sospeitaba que existisen. Será unha viaxe tranquila e poética, aínda que quen sabe se poderán xurdir contratempos que obriguen os pasaxeiros a incorporarse á tripulación. Teatro xestual, marionetas, sombras, humor e imaxinación abraiarán os nenos e adultos que se embarquen nesta deliciosa creación, na que público e artistas comparten un sorprendente espazo máxico e que foi recoñecida con relevantes premios.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 1 de outubro | 12.30, 17.30 e 19.30 horas
  • Mercado Municipal de Carballo
  • Entradas: 2€ e gratuita para 2 menores acompañados dun adulto, socios e abonados

 

 

Pequeperiodistas

Durante todo o festival os máis pequenos farán un seguimento informativo do FIOT e, ao tempo que aprenden a redactar novas, coñecerán de primeira man o mundo escénico. Entrevistarán aos actores que veñen ao festival, aprenderán a retratalos e prepararán un xornal que estará á disposición de todo o público para que gardemos un fermoso recordo documental da visión dos cativos sobre esta edición tan festiva do FIOT.

  • Dirixido a: nenos a partir de 10 anos
  • 1, 15 e 22 de outubro | de 10.30 a 13 horas
  • Biblioteca Rego da Balsa de Carballo
  • Inscrición: Pazo da Cultura, do 14 ao 22 de setembro

 

Time Lapse

Trátase dun obradoiro no que se realizará unha montaxe audiovisual na que nenos e adultos poderán interacturar bailando, interpretando, cantando… Unha experiencia para estimular a imaxinación e a creatividade, que ademais dará como resultado un produto audiovisual (vídeo) do que todos poderedes gozar, xa que se poderá visionar no sitio web do FIOT e nas redes sociais.

  • Dirixido a: nenos a partir de 6 anos
  • 8 de outubro| de 10.30 a 13 horas
  • Biblioteca Rego da Balsa en Carballo
  • Inscrición: Pazo da Cultura, do 14 ao 22 de setembro

 

 

XXI Concurso Escolar de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”

Un veterano concurso que a AC Telón e Aparte realiza en colaboración coa emisora Radio Voz Bergantiños e da Libraría Brañas, que promove a interpretación oral entre os máis pequenos e visibiliza a potencialidade dramática da radio. Pequenos grupos de escolares e de asociacións da zona fan chegar o teatro a todos os currunchos de Bergantiños e Costa da Morte a través das ondas de radio, realizando unha interpretación lida dun fragmento dun texto teatral.

  • Inscrición: ata o 3 de outubro
  • FINAL E ENTREGA DE PREMIOS: Pazo da Cultura, domingo 6 de novembro

 

Se queredes descubrir toda a programación do FIOT en Carballo, aquí esta o programa completo.

 

 

 

 

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.