Nexos infantil 2016 na Cidade da Cultura

 

O ciclo Nexos na Cidade da Cultura de Santiago volve prestar especial atención aos máis pequenos! Son actividades lúdicas e didácticas coas que aprender xogando, e están dirixidas a nenos de 5-6 a 11-12 anos. Cada sesión de Nexos Infantil artellarase baixo a fórmula: ler, facer, falar.

Do realismo no cine ao xénero documental | 16 xaneiro | 12 horas

Nexos infantil arranca cunha sesión de cine. Primeiro, trataremos de entender a diferenza entre ficción e realidade, adoptando diferentes papeis: primeiro faremos de nós mesmos e despois encarnaremos personsaxes e descubriremos que non resultarán os mesmos comportamentos. Tras este primeiro experimento, planificaremos e realizaremos a gravación dun mini documental no que os participantes poderán entrevistarse, gravarse e preguntarse cousas. Despois da sesión, este documental será editado e enviado por mail a quen o solicite.

Novisimas miradas na arquitectura galega | 20 febreiro | 12 horas

Mediante xogos realizaremos un achegamento á arquitectura para reflexionar entre todos para que serve. Compararemos imaxes de casas de arquitectura de todo tipo, desde a tradicional casa galega, ata casas modernas máis vangardistas e espectaculares. Logo faremos un mural con estas imaxes e con desexos, planos e debuxos das casas que nós mesmos imaxinemos. Finalmente, e a partir de materiais para reutilizar, construiremos as nosas propias maquetas ou deseños.

Últimos días con Shakespeare e Cervantes | 23 abril | 12 horas

Os máis pequenos aproximaranse ás figuras destes dous autores universais. A través da súa vida e das súas anécdotas máis interesantes, achegarémonos as súas obras, que coñeceremos a través de dous libros galegos de banda deseñada: Romeo e Xulieta e Miguel en Cervantes de David Rubín. Despois faremos un concurso de imitación, con disfraz incluído, e por último crearemos dous murais colectivos nos que comparar as vidas dos dous autores e nos que incluiremos novos poemas artellados a partir dos seus versos.

O Turismo: entre o parque de atraccións e as invasións bárbaras | 28 maio | 12 horas

Nexos infantil convídanos nesta sesión a ser turistas. Pensaremos en como nos comportamos cando viaxamos e no que nos gusta e nos molesta dos comportamentos dos turistas cando nos visitan. Ademais, realizaremos unha serie de murais colectivos con fotografías e datos para coñecer algunhas das cidades máis turísticas do mundo (Nova York, Venecia, Roma, París, Compostela, Madrid…). Con eles crearemos un xogo de mesa tipo Trivial co que competiremos para ver canto sabemos agora deses sitios.


  • Dirixido a: nenos de 5 a 12 anos
  • Duración: 2 horas
  • Actividades gratuitas. Requiren inscrición previa
  • Cidade da Cultura en Santiago Como chegar

Escribe un comentario