Falamos con… Irene Sanjuán

irene_ilustradoraÉ un dos meus últimos descubrimentos. Chámase Irene Sanjuán e é ilustradora. Seguro que moitos xa a coñecedes e outros tantos lestes o seu primeiro libro ilustrado De profesión inventor da editorial Bululú. As súas ilustracións son «doces, limpas e coloristas» e encántannos!! Conversamos con ela e isto foi o que nos contou…

  • Cando comezache a debuxar?
  • Recordo debuxar dende sempre, dende pequena, como todo o mundo, a diferenza é que nunca deixei de facelo. Cando somos pequenos, todos debuxamos. Entón, en que momento deixamos de facelo? Creo que a medida que imos crecendo e temos na nosa cabeza que debuxar é reproducir todo aquilo que queremos representar, dunha forma, o máis próxima e fiel á realidade… caemos no erro de dar por feito que calquera debuxo bo é aquel máis realista, e cando non se consegue, deixamos de debuxar e dicimos que NON SABEMOS. Son da opinión de que TODOS sabemos debuxar.

  •  Cando e como soubeches que querías dedicarte á ilustración?
  • Realmente sempre sentín que quería traballar en calquera campo que tivese relación co debuxo. Non obstante, non foi unha decisión firme e directa, pasei por outras disciplinas antes de centrarme na ilustración: estudos de produción audiovisual (o meu pai inculcoume o gusto polo cine clásico dende pequena), restauración de obras de arte, deseño de moda. Todas elas me axudaron a desenvolver a visión plástica que hoxe teño no meu traballo. E, finalmente, estudos de ilustración. Foi a miña nai a que me dixo un día que debería deixar de regalar os meus debuxos e darlle un enfoque profesional ao que para min era un entretemento nos tempos mortos dos meus outros traballos. E aínda que pareza mentira, o primeiro polo que gañei diñeiro foi ofertando debuxos personalizados para perfís deFacebook. A partir de aí empezaron a choverme pedidos e traballos nesta rede social.

  • Nácese o faise un debuxante/ilustrador?
  • Estou convencida de que os hai que nacen e os hai que se fan. De maneira que se realmente che gusta podes chegar a conseguilo. Persoalmente eu creo que afortunadamente a xenética me concedeu unha boa baza nisto do debuxo e souben aproveitala (a miña avoa paterna é a causante).

  • Cales son as túas técnicas favoritas?

  • Rotundamente, a acuarela. Comecei por funcionalidade, xa que me permitía  traballar con moita rapidez nos bocetos, e converteuse na miña favorita e coa que máis disfruto.

  • Como defines as túas ilustracións?

  • Creo que é unha pregunta difícil, xa que, aínda que sei que conseguín un estilo que é recoñecible, penso que a evolución no traballo pode levarme a desenvolver outros completamente diferentes ao que ata agora fixen e no que estou a traballar agora mesmo. Teño ganas dun cambio na miña forma de facer as cousas. Definiríaas como doces, limpas e coloristas.

  • E una última pregunta que me gustaría facer… que beneficios cres que ten para os nenos debuxar?

  • Calquera actividade plástica que se leve a cabo con nenos axuda, non só a desenvolver a súa imaxinación e a expresarse, senón que contribúe a unha educación á que, en ocasións, pouco se pon atención, e é a educación visual e a sensibilidade pola arte, que os converte en nenos cun pensamento máis crítico. A creatividade adquirida non só serve para o mundo da arte senón que potencia neles a capacidade de busca de solucións creativas en calquera traballo.

[divider style=»dotted» height=»40px» ]

[blockquote indent=»yes» ]Podedes comprar as súas ilustracións e moitas delas fainas por encargo. En abril exporá as súas obras no estudio NO IMPORTA taller creativo, onde  ten o seu espazo de traballo, e na que haberá obras á venta[/blockquote]

Podedes seguir ademais os seus traballos a través do seu Facebook.

[divider style=»dotted» height=»40px» ]

E aquí está o álbum ilustrado… unha historia e unhas ilustracións xeniais! Podedes compralo aquí: www.zaerasilvar.es

deprofesioninventor

 

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.