Entroido de Verán en Bueu

O espazo LoboCoxo de Bueu organiza este sábado día 22 un desfile infantil de cabezudos no marco do Entroido de Verán que se celebra na vila. No pasarrúas, que partirá dende a pista de xogos da Banda do Río, van participar os nenos e nenas inscritos no obradoiro de cabezudos que se está impartindo este verán en LoboCoxo, aínda que se trata dunha marcha festiva aberta á participación do público en xeral, tanto infantil como adulto que poden acudir disfrazados.

O desfile de cabezudos organizado por LoboCoxo rematará ás portas deste espazo infantil e contará coa colaboración doutros establecementos da Banda do Río, como a panadería A Bicha e os bares El Camerino e O Farol, que aportarán petiscos, refrescos e animación musical para agasallar os nenos e nenas que acudan disfrazados ao pasarrúas.

Ademais do desfile infantil no Entroido de Verán, LoboCoxo mantén o seu programa de actividades. O sábado haberá a sesión de contacontos habitual, a partir das 12 horas: o repertorio estará formado por algúns relatos nos que se basean os cabezudos elaborados para a marcha festiva da tarde. O público infantil poderá asistir ataviado con disfraces e, tralos contos, haberá un obradoiro de maquillaxe.

Completan a programación as sesión de contacontos específicas para bebés de 0 a 3 anos, que se celebran os domingos ao mediodía.

  • 22 de agosto | 12 e 20 horas
  • Dirixido a: nenos e nenas
  • Actividade gratuita
  • LOBOCOXO en Bueu Como chegar

Escribe un comentario