Ciencia na Cidade da Cultura

Este mes de novembro convértese no mes da ciencia  na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Serán tres obradoiros e unha peza teatral cos que achegarán a ciencia á sociedade.

Que traballo tan curioso!

A través da peza teatral Que traballo tan curioso! os máis pequenos resolverán situacións cotiáns a través de argumentos científicos e rigorosos que nos deixarán coa boca aberta. Cunha brillante combinación de simpáticos diálogos, entretemento e diversión, esta obra de teatro para toda a familia busca sorprender ao público amosando a importancia de seguir hábitos de hixiene saudables e achegarlles a ciencia como parte da nosa cultura.

  • Dirixido a: todos os públicos
  • 8 de novembro | 17 horas
  • Entrada de balde ata completar o aforo

 

Banquete nun castro

Que comían os galegos hai máis de 2000 anos? Como podería ser un banquete nun castro? Imos viaxar coa imaxinación por diferentes pratos do menú dun castro galego. Descubriremos aqueles alimentos que poderían ter comido e como e onde puideron cociñalos. Mesmo tomaremos contacto con auténticos obxectos arqueolóxicos relacionados coa alimentación castrexa. Cada asistente poderá fabricar a súa propia peza de vaixela castrexa, empregando as mesmas técnicas e materiais empregados daquela.

  • Dirixido a: a partir de 16 anos
  • Duración: 3 horas
  • 15 de novembro | 17 horas
  • Entrada de balde previa inscrición na web: www.cidadedacultura.org.

 

Sal de mesa nos océanos

Cando estamos sentados á beira do mar observamos unha inmensidade de auga que as veces se move, vemos ondas, a marea que sube e baixa… pero que pasa nas profundidades?… que pasa máis aló do que ven os nosos ollos? Pensaches algunha vez na sal que tes na casa, a que se usa para cociñar? A sal de mesa é normalmente mariña, de feito a auga do mar é salgada pero… é igual de salgada noutros lugares? E que pasa coa temperatura? É a mesma en Galicia que no Polo Norte? Mediante sinxelos experimentos con augas de diferentes cores, explicaranse os procesos que afectan á formación das correntes mariñas desde escalas pequenas ou a escalas planetarias.

  • Dirixido a: nenos de 6 a 12 anos anos
  • Duración: 2 horas
  • 22 de novembro | 17 horas
  • Xa non hai prazas dispoñibles

 

Cambio climático. Experimentando con CO2

Imaxina poder seguir a pegada do carbono na Terra, recoñecelo e saber onde se atopa e como se forma? O carbono forma parte das nosas vidas, atópase no solo que pisamos, no aire que respiramos, na auga, nos seres vivos: os animais, as plantas e ata en nós mesmos.Con este obradoiro que se compón de varios experimentos, verás que procesos da nosa vida cotiá están regulados polo carbono e aprenderás a descubrilo: poderás comprender mellor que é o efecto invernadoiro e por que se produce o cambio climático, ou en que consiste o ciclo do carbono, tanto no solo como na auga ou na atmosfera.

  • Dirixido a: rapaces de 12 a 16 anos
  • Duración: 2 horas
  • 29 de novembro | 17 horas
  • Entrada de balde previa inscrición na web: www.cidadedacultura.org.

 

CIDADE DA CULTURA en Santiago de Compostela Como chegar

Escribe un comentario