Talleres para familias no CGAC

Que mellor plan que achegarnos á arte contemporánea en familia? O Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago volve a presentar un novo ciclo de talleres de experimentación artística dirixidos a familias con nenos e nenas de 4 a 9 anos. Os pequenos descubrirán, crearán e gozarán en familia arredor da relación que existe entre o corpo e arte contemporánea.

Coñeceredes as miradas de cinco artistas arredor do corpo: o corpo como modelo, como materia, como lenzo, como sombra, como ferramenta, como pegada… Analizaredes ademais os roles que asumimos e o modo de actuar dunha sociedade globalizada que parece obsesionada por seguir canons estéticos vinculados ao corpo sen se deter a descubrir o máis extraordinariodas persoas: as súas diferenzas.

XOGO DE ROL. CINDY SHERMAN | 18 e 19 de febreiro

Cindy Sherman explora e interpreta diversas identidades no seu traballo. Travístese e transfórmase en mil mulleres diferentes: do mundo do cine, da moda, da historia, da arte, da rúa… Asume múltiples roles sendo ela mesma autora, protagonista, maquilladora, estilista, fotógrafa e modelo. O seu rostro, o seu corpo e a súa personalidade desaparece tras diversosestereotipos e personaxes. Coma ela crearedes a partir do disfrace, da mascarada, xogando e creando diversos álter ego.

  • 18 de febreiro | familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • 19 de febreiro | familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Prazo de inscrición: do 6 ao 17 de febreiro

REALIDADES. GEORGE SEGAL | 18 e 19 de marzo

Os personaxes da obra de George Segal preséntanse como esculturas de tamaño natural que a miúdo aparecen en ambientes cotiáns rodeadas de obxectos comúns: nunha parada de autobús, nun semáforo, nunha cadeira… Neste taller intentaredes situar os vosos corpos nas vosas realidades recreadas. Repararedes no voso camiñar, expresións, posturas, respiración… Farédesvos conscientes da vosa relación cos obxectos que vos rodean e de como reproducimos as mesmas accións día tras día coma rituais. Moldearedes os vosos corpos coma se fósedes barro ou plastilina ata atrapar un instante.

  • 18 de marzo | familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • 19 de marzo | familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Prazo de inscrición: do 6 ao 17 de marzo

 

COMA UN PINCEL. JANINE ANTONI | 22 e 23 de abril

Janine Antoni transforma actividades cotiás como comer, dormir, bañarse, lavar ou limpar en modos de facer arte. Emprega como principal ferramenta diferentes partes do seu corpo para realizar as súas obras: os seus dentes, a súa boca, o seu pelo, a súa lingua… Durante o taller converteredes o voso corpo nunha ferramenta para a acción e a creación. Todas as persoas deixamos unha pegada no mundo, así que podemos decidir como facelo.

  • 22 de abril | familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • 23 de abril | familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Prazo de inscrición: do 10 ao 21 de abril


AQUÍ E AGORA. MARINA ABRAMOVIC | 20 e 21 de maio

Marina Abramovic traballa co seu corpo. Na súa obra pon a proba os seus límites físicos e mentais e asemade implica e explora ao espectador nas súas accións. Converte as súas pezas artísticas en experiencias compartidas co público en tempo real. Neste taller empregaredes ovoso corpo como materia prima para provocar e para crear. Tal como ocorre na traxectoria de Abramovic pasaredes da acción á pura presenza. Tócavos experimentar coa forma viva da arte: a performance.

  • 20 de maio | familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • 21 de maio | familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Prazo de inscrición: do 8 ao 19 de maio

 

CONTANDO HISTORIAS. KARA WALKER | 17 e 18 de xuño

Coas súas siluetas negras recortadas e proxeccións con lanternas máxicas, Kara Walker explora diversas cuestións da nosa sociedade como a identidade, o xénero ou a raza. Moitos dos contos e historias que hoxe en día coñecemos chegaron a nós trasmitidos por vía oral. Nesta sesión trataredes de narrar as vosas propias historias, anécdotas e experiencias e de escenificalas proxectando os nosos corpos e deixando que eles nos conten.

  • 17 de xuño | familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • 18 de xuño | familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Prazo de inscrición: Do 5 ao 16 de xuño

INSCRICIÓN: os talleres son gratuitos e para participar é necesario escribir —nos prazos establecidos— ao mail cgac.educacion@xunta.es indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un correo electrónico. Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación. ***As prazas son limitadas: 10 nenos/nenas acompañados cada un por 2 familiares máximo en cada taller

Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago Como chegar

 

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.