Talleres de lecer en Santiago

 

Talleres de lecer no CGAC en Santiago

talleres de lecer cgac 2013Este verán o Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago organiza talleres de lecer para os meses de xullo e agosto. Os nenos e nenas aprenserán a reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea e que terán a oportunidade de implicarse nos procesos creativos da man de artistas e profesionais de diferentes disciplinas culturais. Xogarán, coñecerán, comunicaránse e experimentarán… coas linguaxes, técnicas e conceptos da arte máis actual.

Taller de mariquitas recortables para vestir 

Dirixido por Montse Rego a partir dunha selección de modelos de bonecas recortables os participantes deseñarán as súas propias prendas. Perfilarán as súas siluetas sobre teas para logo cortalas e proxectar sobre elas os diferentes modelos. Así poderán debuxar a imaxe na tea e decorala con pintura para tecido, cintas de cores, purpurina, pompóns Ademais, relacionarán a actividade coa práctica artística de Víctor Grippo, en canto ao uso que o arxentino fai de alimentos como a pataca ou o pan transformándoos en elementos de creación.

Dirixido a: nenos de 8 a 10 anos

Do 9 ao 12 de xullo | de 11 a 13h

Taller de creación vocal

Dirixido por Mónica de Nut a través da experimentación e a exploración das posibilidades sonoras, os nenos e nenas poderán tomar contacto coa súa propia voz, investigar o seu funcionamento, as súas posibilidades técnicas e expresivas e a súa manifestación mediante composicións individuais e de grupo. Cada día ensaiarase coa voz creando con ela e co contorno. Visitarán as exposicións do centro e poderán emitir sons a partir de imaxes.

Dirixido a: nenos de 7 a 9 anos

Do 16 ao 19 de xullo | de 11 a 13h

Taller de deseño de museos

Dirixido por Rocío Figueroa propón dar a coñecer aos nenos e nenas o mundo dos museos de xeito global: poderán deseñar e dirixir un museo, exercer de artistas, traballar como comisarios de exposicións, actuar como responsables de comunicación e programar actividades. Deseñarán e construirán unha maqueta libre do seu centro de arte.

Dirixido a: nenos de 10 a 12 anos

Do 22 ao 24 de xullo | de 11 a 13h

Taller de plástica musical

Dirixido por María Move. Os participantes tentarán compaxinar o ritmo musical e o ritmo da expresión plástica.  A fala do que vemos e tocamos. Pintarán co corpo e poderán descubrir o potencial expresivo doutras partes do corpo como os pés, a cabeza ou o tronco. Os nenos e as nenas buscarán asociacións entre obxectos e sons. Cantarán obxectos e bailarán a pintura.

Dirixido a: nenos de 4 a 6 anos

Do 30 de xullo ao 2 de agosto | de 11 a 13h

Taller de improvisación teatral

Dirixido por Inés Salvado. Os rapaces e rapazas que se acheguen a este taller precisarán deixar de pensar e deixarse levar pola libre circulación de ideas para descubrirse, expresarse e gozar. Traballarán cos pensamentos e cos movementos seguindo os seus impulsos, poñendo a énfase na espontaneidade e na imaxinación deixando experimentar e vivir ao noso corpo sen constricións e afastándose todo o posible da reprodución mecánica da realidade.

Dirixido a: nenos de 9 a 11 anos

Do 6 ao 9 de agosto | de 11 a 13h

Inscrición: os talleres son de balde e para participar é preciso chamar aos teléfonos 981 546 602 ou 981 546 631.

Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela Como chegar

 

 

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.