Ciclo Todo Público en A Coruña 2017

Este trimestre volve ao Fórum Metropolitano da Coruña o ciclo de teatro Todo Público con espectáculos de artes escénicas para todas as idades.

Pavillón Lino de Caramuxo Teatro

Un espectáculo que nace para homenaxear o desaparecido Pavillón Lino da Coruña, espazo cultural de estética modernista dedicado a todo tipo de actividades artísticas: teatro, cinema, baile, marionetas, cómicos… Unha trepidante comedia de variedades cunha coidada posta en escena, na que desfilarán unha chea de pintorescos personaxes.

  • Dirixido a: nenos maiores de 5 anos
  • Duración: 45 minutos
  • 28 de xaneiro | 18.30 horas
Manawe de Matrioska

Manawe é un espectáculo de creación contemporánea sobre as emocións dese primeiro momento de cambio no que somos conscientes da vida e polo que, inevitablemente todo o mundo pasa. Nenos e adultos emociónanse e divírtense, á vez que se dan conta de que as experiencias que crían únicas, son en realidade, compartidas.

  • Dirixido a: nenos maiores de 8 anos
  • Duración: 50 minutos
  • 4 de febreiro | 18.30 horas
El Elefantito de A Baracca (Italia)

Bubu é o único home da familia, as súas irmás son demasiado pequenas para realizar as tarefas de casa, así que mamá e papá déronlle a tarefa de lavar os calcetíns de toda a familia. É un traballo tedioso e Bubu, durante o lavado, cóntase unha historia. Así que, como por encantamento, os calcetíns cobran vida e convértense en animais da selva que nos contan como o bebé elefante do nariz pequeno, de curiosidade insaciable, descobre como pode ser útil. El Elefantito é unha historia inspirada na curiosidade. A curiosidade que nos impulsa a movernos e a coñecer, e iso lévanos ao encontro co outro, co descoñecido…

  • Dirixido a: nenos maiores de 3 anos
  • Duración: 50 minutos
  • 11 de febreiro | 18.30 horas

 

Moby Dick de Gorakada  (País Vasco)

Moby Dick é un espectáculo no que se pretende albiscar a inmensidade desa obra mestra da literatura universal. Ismael embarca no Pequod, barco baleeiro ao mando do capitán Akab. Durante a súa viaxe goza dos praceres da vida no mar, fai amigos e aprende a recoñecer os distintos tipos de baleas. Pero o obsesivo desexo de vinganza do capitán Akab contra Moby Dick, a balea branca, conducirá o Pequod e a tripulación á desgraza.

  • Dirixido a: nenos maiores de 6 anos
  • Duración: 60 minutos
  • 11 de marzo | 18.30 horas

 

Barrokino de Teatro Paraíso  (País Vasco)

Barrokino é unha excepcionalidade no mundo dos espectáculos infantís. Cunha estética ambiciosa, con vestiario de época e unha posta en escena brillante. Teatro Paraíso e a Orquestra Sinfónica de Euskadi reúnense, coa escusa dunha merenda, unha actriz, tres instrumentistas e dous cantantes que, entre bocado e bocado, irannos introducindo no universo musical barroco.

  • Dirixido a: maiores de 3 anos
  • Duración: 35 minutos
  • 8 de abril | 18.30 horas

 

  • Entradas: 6€ – 15€ abono familiar (inclúe como mínimo a un adulto e un menor) – 2€ para menores de 3 anos
    • DESPACHO CENTRAL DE BILLETES DA PRAZA DE OURENSE: de luns a venres, agás festivos de 9.30 a 13h e de 16.30 a 19.30h
    • DESPACHO DE BILLETES DO FÓRUM: aberto só os días de función desde unha hora antes (só se quedan entradas dispoñibles)
    • TELEVENDA: 902 044 226 (luns a venres de 9 a 22h; sábados de 14 a 22h e domingos de 16 a 21h) – www.ticketea.com

 

Escribe un comentario