4 domingos + 12 espazos + 12 espectáculos
Comeza en Compostela 12 doces do outono, a programación familiar máis saborosa, con espectáculos durante os domingos nos centros socioculturais. En cada un destes centros poderedes gozar en familia dun espectáculo, acompañado ao final dunha pequena degustación de doces feitos na casa polos veciños e veciñas do barrio con produtos do outono. Este é o programa de espectáculos:
ACUARIO de Teatro dos Ghazafelhos
É un espectáculo baseado no libro de poemas de María Canosa que leva o mesmo título. O seu obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral.
- Dirixido a: nenos a partir de 5 anos
- 13 de novembro | 12.30 horas | CSC de Fontiñas
TITA de Teatro Babaluva
Tita é un espectáculo sobre a intelixencia emocional. TITA viaxa cara o seu interior compartindo con nós a súa aprendizaxe ata ser quen de distinguir as súas emocións ollándoas cara a cara e sabendo o que lle queren dicir. TITA e mais nós, precisamos saber como xestionar o medo, a tristura ou a ira, para que pouco a pouco, gocemos dunha harmonía emocional.
- Dirixido a: nenos a partir de 3 anos
- 13 de novembro | 18 horas | CSC de Conxo
JIÑOL de Trompicallo
Jiñol, Rosalía, o Sr. Bulú e o Policía ven alterada a súa vida pola inesperada chegada dun paquete que contén nada máis e nada menos cun crocodrilo. Este é o arranque dunha historia dinámica e divertida, contada con títeres de luvas, na que as distintas situacións da obra xiran arredor do comportamento que os títeres teñen co intruso.
- Dirixido a: nenos de ata 6 anos
- 13 de novembro | 18 horas | LSC de Amio
O CADERNO DOS AFECTOS con Gloria Mosquera e Magín Blanco **ESTREA**
Gloria Mosquera e Magín Blanco xúntanse neste novo espectáculo para facer un repaso polas súas cancións máis recoñecidas polo público infantil, ás que tamén engadirán pezas das súas producións máis recentes. Dous dos maiores referentes da música infantil galega xuntos neste espectáculo!
- Dirixido a: público infantil e familiar
- 20 de novembro | 12.30 horas | CSC do Castiñeiriño
UP2DOWN con Cía. Traspediante (en colaboración con Pistacatro)
Up2Down é un espectáculo de danza-circo contemporáneo no que o humor e a danza interactúan cunha disciplina circense nova en Galicia: o funambulismo, creando un universo singular. As bailarinas Marta Alonso & Paula Quintas interpretan a dúas personaxes definidas polo seu estatus antagónico: a alta e a baixa; A funambulista – etérea e ideal, e A payasa -terreal e mundana. Xunto a elas o espectador percorrerá unha viaxe emocional a través dos seus desexos e aspiracións ata que acaden un punto de encontro; o equilibrio.
- Dirixido a: todos os públicos
- 20 de novembro | 18 horas | CSC Santa Marta
TÍO MISERIA de Fantoches Baj
Un chef de cociña metido a titiriteiro cumpre unha promesa que lle fixo ao inmortal Tío Miseria e vainos contar con un humor delirante a súa historia a cambio da receita da compota de pera. A historia, creada a partir dos contos populares “O Ferreiro e o Diaño” e “A Pereira da Tía Miseria”, é unha a fábula na que un ferreiro chamado Tío Miseria se alimenta unicamente cos froitos da súa pereira…
- Dirixido a: nenos a partir de 3 anos
- 20 de novembro | 18 horas | LSC da Gracia
TIRAR DO FÍO de Fátima Villamel
Tirando do fío é unha invitación a descubrir as historias que están nas nosas mans, nas orellas, nos beizos, no ar, nos libros, a viaxar a lugares remotos, a confiar, a divertirse, a xogar… Atréveste a tirar do fío?
- Dirixido a: nenos de 1 a 3 anos
- 27 de novembro | 12.30 horas | LSC da Rocha
O SITIO DOS OBXECTOS de Mariza Basso
Nace o sol e o galo canta a súa alegre canción matutina. Luvas, garfos, espremedores de froitas, escorredores de arroz e outros instrumentos e utensilios domésticos transfórmanse en divertidos personaxes rurais: a galiña, a vaca, o pato, o pavo, os porcos e outros animais protagonizan cómicas situacións…
- Dirixido a: nenos a partir de 3 anos
- 27 de novembro | 18 horas | CSC de Marrozos
ROSA CARAMELO de Talía Teatro
Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de color rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea descubrirá o significado da liberdade, e abrirá o camiño da igualdade para as súas compañeiras. Un espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.
- Dirixido a: nenos a partir de 4 anos
- 27 de novembro | 18 horas | CSC de Laraño
VEU POR AQUÍ E MARCHOU POR ALÁ de Percubebés
Neste espectáculo os bebés escoitarán os diferentes timbres, dinámicas e demais, desenvolvendo deste xeito a súa capacidade auditiva a través da música tradicional, empregando os instrumentos da nosa cultura e xogaremos con eles.
- Dirixido a: nenos de 0 a 6 anos
- 4 de decembro | 12 e 13 horas | CSC do Ensanche *Inscrición previa a través do propio centro
Can Cun Quinqué (obradoiro de danza)
Mediante a danza e as artes escénicas propoñen un espazo para compartir e desfrutar en familia. Traballaredes as cualidades de movemento e o entorno creativo da danza, potenciando esta como ferramenta de cohesión social e familiar.
- Dirixido a: todos os públicos
- 4 de decembro | 18 horas | CSC de Vite
CONTINENTES con Chus Álvarez
Contos do mundo. Viaxes que lembran historias e xente. Recordos, palabras, e un conto por cada continente.
- Dirixido a: nenos a partir de 4 anos
- 4 de decembro | 18 horas | CSC de Lavacolla
Podedes seguir toda a actualidade deste programa a través de Facebook: aquí