Talleres de lecer en Santiago

O Centro Galego de Arte Contemporánea organiza para este verán unha nova edición dos Talleres de Lecer que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. Unha oportunidade para establecer contacto directo con profesionais de diferentes ámbitos da cultura e da arte, ao tempo que promoven o coñecemento activo dalgúns dos procesos de creación característicos do noso tempo.

Taller de música ElectroHop!

Neste taller sobre creación de música electrónica e hip-hop, mergullaránse na historia destes xéneros musicais e repasarán a súa evolución desde o seu nacemento ata a actualidade. Ademais investigarán os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías para a creación sonora e experimentarán co ritmo, o son, o silencio, a intensidade, as palabras ou mesmo con obxectos ou ruidos da nosa contorna como instrumentos para xerar música. Dirixido por Benjamin Carter.

  • Dirixido a: maiores de 13 anos
  • Do 7 ao 10 de xullo | de 11 a 13 horas
  • 20 prazas

 

Taller de danza Removendo o CGAC

Neste taller habitarán diferentes espazos do CGAC na procura dun xeito de estar próximo á mirada dos máis pequenos. Aproveitarán as posibilidades creativas dos diferentes espazos do museo, orixinariamente concibido por e para os adultos, para desenvolver traballos de creación e experimentación a través da danza, a expresión corporal, o xogo e o humor. Dirixido por trasPediante.

  • Dirixido a: nenos e nenas de 4 a 6 anos
  • Do 14 ao 17 de xullo | de 11 a 13 horas
  • 15 prazas

 

Taller de arquitectura A!

A sustentabilidade, a conciencia social e a reciclaxe están transformando aos poucos a sociedade e a paisaxe que habitamos. A arquitectura tende a ser cada vez máis eficiente e a aproveitar todos os recursos naturais renovables que están á nosa disposición. Neste taller aprenderán a traballar os volumes exteriores dos edificios para sacarlle o máximo partido ao deseño, construirán museos sustentables de diferentes temáticas e crearán contido con obxectos e materiais reciclados. Isto todo empregando caixas de embalaxes e de uso doméstico como elementos de construción e aproveitando a enerxía solar, a chuvia e o vento para xerar arquitecturas que non precisen de combustibles fósiles. Unha vez terminados os edificios planificarán unha cidade dos museos onde porán en común as creacións de todos os participantes no taller. Dirixido por Ramón Viéitez.

  • Dirixido a: rapaces e rapazas de 10 a 12 anos
  • Do 21 ao 24 de xullo | de 11 a 13 horas
  • 20 prazas


Taller Rutas contemporáneas

Neste taller coñecerán a historia do CGAC, percorrerán a súa arquitectura e achegaranse as súas exposicións. A idea de refuxio, os xogos de escala, os sons e as paisaxes extremas presentes nas mostras de Cristian García Bello ou de Manuel Vilariño servirán de ponte para traballar no veciño parque de Bonaval.
Internaranse nos xardíns para desentrañar os misterios e as historias que albergan. A terra, as árbores, as follas, a auga, as sombras, os ocos e os restos arquitectónicos servirán de materia prima e de escenario para a iniciación á land art e a outros movementos artísticos contemporáneos. Levarán o museo á natureza e a natureza ao museo. Dirixido por Rebeca Mariño.

  • Dirixido a: nenos e nenas de 7 a 9 anos
  • Do 28 ao 31 de xullo | de 11 a 13 horas
  • 20 prazas

 

  • Os  talleres son de balde
  • Inscrición: as solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do mércores 24 de xuño a través dos enderezos electrónicos cgac.educacion@xunta.es e cgac.pedagogia@xunta.es.
    As solicitudes deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e título do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá un correo electrónico de confirmación no que se lle indicará cal é o estado da súa solicitude.

 

1 Comentario

  1. Que interesante todo esto. Sabéis los contactos de estos artistas que hacen los talleres para hablar con ellos e incorporarles al proyecto de la granja. Hacer alguna colaboración muchas gracias si sabéis algún dato hablamos. Un saludo

Escribe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.